Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2026.- A conmemoración do 25 de Xullo, Día de Galicia, aséntase sobre a realidade viva dos seus concellos. Baixo o lema «Galicia latexa en cada concello», dende a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) reivindicamos o pulso real do noso país desde cada parroquia, vila e cidade.
No Día de Galicia reivindicamos o noso papel no desenvolvemento das políticas públicas que impulsan Galicia, contribuíndo ao seu desenvolvemento económico e social que busca mellorar as condicións de vida e de traballo da cidadanía galega. Somos a administración pública máis próxima e queremos seguir dando resposta ás necesidades e problemas das nosas veciñanzas.
Dende o municipalismo galego representamos a unidade de todos os concellos e as deputacións galegas na defensa dos seus intereses e dereitos, e sempre nos caracterizou o noso labor polo consenso e a coordinación institucional.
Cúmprense agora trinta anos da unificación do municipalismo galego en torno á FEGAMP. Somos concellos e deputacións dirixidas por gobernos de todas as formacións políticas, que antepoñemos dar resposta ás necesidades das nosas veciñanzas sobre os lexítimos obxectivos partidistas.
https://www.fegamp.gal/content/galicia-latexa-en-cada-concello
