Chourizo, empanada, carne á grella, viño, castañas a esgalla… e moita troula que non permitiu deixar tempo para o aburrimento.
Un evento tradicional da nosa provincia que en O Irixo acadou neste 2023 cifras récord. 600 asistentes no primeiro magosto diurno que celebramos no concello chegando a triplicar cifras de anteriores edicións.
Celebrouse por primeira vez en horario de mediodía para facilitar a asistencia a todos os membros da familia. O xantar, que se serviu previa adquisición de boleto, degustouse sentados na mesa para comodidade dos nosos maiores.
Tamén houbo atractivos lúdicos para os máis cativos, música e bo ambiente ata rematar a xornada.
Grazas aos veciños e veciñas por asistir e facer dunha tradición tan nosa coma o magosto un evento multitudinario, divertido e moi participativo que queda marcado no calendario festivo do municipio.